miércoles, 17 de diciembre de 2008

Agustín Fernández Paz


Non é casualidade que Agustín Fernández Paz sexa o autor do primeiro libro de lectura do CLUB. El é benquerido por todos nós, non só como escritor senón como persoa, dende o momento que tivemos a oportunidade de poder coñecelo directamente naquel verán do 2007 no Auditorio Emilia Pardo Bazán con motivo da entrega dos premios do III Certame Literario.
Non podemos esquecer a súa paciencia asinando exemplares e a súa xenerosidade brindándonos AS PALABRAS QUE CAMBIAN O MUNDO para a presentación da publicación dos textos premiados no Certame.
Unha vez máis reiterar a nosa gratitude e a nosa felicitación polo galardón que a nivel nacional acaba de recoller pola obra O único que queda é o amor, que naquel verán do 2007 andada a piques de rematar. Sanxenxo trae boa sorte, a Madama ou o Atlante ou as meigas ... que habelas hainas ...
Lede con atención o texto. Atoparedes boas razóns para otorgarlle a PALABRA e a LECTURA a categoría de protagonistas nas nosa vidas.
AS PALABRAS QUE CAMBIAN O MUNDO
Para min é unha satisfacción poder abrir coas miñas palabras esta publicación exemplar, na que se recollen os traballos premiados no III Certame Literario do IES de Sanxenxo. Un certame organizado pola Biblioteca do centro, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, Normalización Lingüística e Expresión Plástica, para promover a lectura e a escritura entre a mocidade. Os traballos reunidos aquí teñen como condición peculiar (ao modo das constricións que tanto lles agradaban a Georges Perec e aos outros membros do grupo OULIPO) o feito de se iniciaren cunhas poucas liñas extraídas da miña novela Aire negro:

Non sabería dicir o momento exacto en que o notei por primeira vez. (...) Pero o certo é que comecei a ter a estraña sensación de que alguén estaba a observarme durante as vinte e catro horas do día; talmente coma se unha presenza incorpórea vixiase todos os meus pasos...

Encantoume comprobar como ese sinxelo punto de partida, en vez de limitar o pulo creativo, serviu para que cada participante orientase o seu relato por un camiño orixinal, en liña co universo propio de cada un.

Ademais dos textos premiados, esta publicación recolle unhas breves biografías dos seus autores e autoras; uns textos breves que recomendo ler co maior interese e nos que, como salientarei despois, atopamos múltiples as referencias ao papel que lectura e a escritura poden xogar nas nosas vidas.

Álvaro Cunqueiro, nun ensaio titulado “Imaxinación e creación”, que publicou na revista Grial en 1963, afirmaba que “O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas olladas. E se hai algo que estea claro nesa dieta, é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños”. Beber soños como quen bebe auga. ¿Pódese facer unha definición mellor da necesidade, básica coma a auga, da lectura?

Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para gozar de todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. E, se cadra para lembrarnos que esta idea de Cunqueiro é universal, volvemos atopala, dita con outras palabras, no discurso do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Facémonos maiores, pero non cambiamos. No fondo seguimos sendo como cando eramos pequenos, criaturas que agardan ansiosas que lles conten outra historia, e a seguinte, e outra máis. Necesítaas case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas”.

Todas as persoas necesitamos das historias, velaquí unha realidade universal. Unha necesidade que satisfacemos coas conversas cotiás, co cine ou cos videoxogos, a través das ficcións que nos ofrecen as diferentes pantallas que temos na casa e, sobre todo, a través dos libros, onde atopamos a esencia de todas as ficcións que ao longo da historia foi creando a humanidade.

Os libros, “eses inventos complexos e á vez tan simples”, como di Miriam Sartages, do IES de Sanxenxo, son os protagonistas da novela Farenheith 451, escrita en 1954 por Ray Bradbury, un escritor norteamericano de ciencia-ficción. A historia que nos conta transcorre nunha sociedade futura, onde os libros e a lectura están prohibidos. A través das pantallas omnipresentes en todos os fogares, o goberno encárgase de facer que a xente viva apampada e aparentemente feliz, pensando o que lle mandan, vendo o que lle ofrecen, escoitando o que lle impoñen. E hai un corpo represivo, os bombeiros, encargado de queimar os libros e de perseguir a quen os posúan, persoas empeñadas en conservar os libros e desafiar así a prohibición do poder.

Montag, o protagonista da novela, é o xefe deses bombeiros pirómanos. Un día, cando se dispoñen a queimar os libros que descubriran na casa dunha vella muller, este home colle dous ou tres e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses pequenos obxectos que se revelan tan importantes para algunhas persoas. E leos, ás agachadas, e queda enganchado nas redes da lectura. Cando a súa muller descobre aquel vicio oculto, pregúntalle alporizada que ve nos libros, como se atreve a poñer en perigo a súa felicidade por aquela práctica clandestina e prohibida. E é cando Montag lle dá unha resposta que a min se me antolla exemplar: "Porque sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que me fala".

Esa é a maxia da lectura, “o veleno máis doce” que Miriam Sartages “probou cando tiña nove anos”. O mesmo que “corre polas veas” de Rebeca Rodiño, do CEIP de Dorrón. A afección coa que medrou Sara Outón, do IES de Sanxenxo; a mesma coa que Sara Dadín “podía descubrir novos mundos, buscar e ter novos pensamentos, chorar, rir, emocionarme, sentir, mergullarme nun mar de letras”.

Mais a lectura vai sempre a carón da escritura, pois ler e escribir son como as dúas caras dunha mesma moeda. Despois de vivir a través das palabras as historias que outros imaxinaron antes ca nós, as persoas ás que lles gusta ler acaban por sentir tamén o desexo de escribir. Por iso Cristian Durán, do IES de Sanxenxo, afirma que “todos somos especiais e temos algo que contar” e conclúe rotundo: “escribo, logo estou vivo”. E Nuria Sabor, do mesmo instituto, afirma que cando escribe “pásame o tempo voando, e a miña imaxinación voa ata o infinito (...) e compréndome mellor a min mesma”. Unha “marabillosa afección” que comparte a súa compañeira Estela Moratón, que xa coñece “o pracer de plasmar sobre papel as miñas fantasías, soños e pensamentos”.

Desde hai algúns anos, é un tópico dicir que a mocidade actual non le. E que, xa que logo, tampouco escribe. A miña percepción é xustamente a contraria. Hoxe vivimos nunha sociedade na que, malia as boas palabras, son moitas cousas as que conspiran para que as persoas non poidamos ter unha relación intensa cos libros. E, malia vivirmos nun contexto así, constatamos que unha boa parte da mocidade le, e le moito; ben máis que a mocidade de xeracións anteriores, iso é unha evidencia. E máis evidente me parece aínda o medre na práctica da escritura, favorecida nos últimos anos polas múltiples posibilidades que ofrece Internet. Velaí están os blogs para demostralo (coma tal, o que levan desde a biblioteca do IES de Sanxenxo), un fenómeno xa consolidado e que, con toda probabilidade, acadará unha expansión aínda máis importante nos vindeiros anos.

A lectura é unha conquista que require tempo e enerxía. Pero paga a pena facer o esforzo, porque a recompensa é moi grande, como ben sabe calquera persoa que teña ese desexo voraz de escoitar outras voces, de calquera tempo e de calquera lugar. Por riba, nos tempos de hoxe ser lector é, dalgún xeito, unha revolución que favorece o pensamento libre e crítico, a contracorrente do que nos mandan as forzas económicas que moven o mundo. Unha revolución que axudará a construír esa sociedade mellor que precisamos facer entre todos e todas.

En resumo: o que vén tras estas páxinas iniciais é unha colleita estimulante e de calidade, que nos fai mirar con orgullo o traballo desenvolvido e que nos fai mirar aínda con maior esperanza os anos futuros, pois temos a certeza de que habemos seguir atopándonos con textos magníficos. Hai na mocidade galega unha fervenza de creatividade que abrolla con vigor nestes primeiros anos do século XXI. Unha realidade cargada de esperanza porque, como escribiu o poeta José Ángel Valente, as palabras tamén serven para cambiar o mundo, aínda que non saibamos ben como nin en que momento.


Agustín Fernández Paz

jueves, 4 de diciembre de 2008

Presentación dos membros do club

Mª Dolores, Justa, Ángela, e Mª Isabel son as lectoras máis veteranas do grupo das tardes. Únese Marga, no grupo dos recreos.

Os máis novos, recén chegados ao centro, non queren perder esta oportunidade que se lles brinda. Eles e elas son: Marta, Hugo, Martín, Ana e Jonás.

Os de 2º ESO, queren repetir a experencia vivida o ano anterior e aquí están un ano máis Lucinda, Inés Piñeiro e Inés Martínez. De 3º ESO achéganse Vanessa, Esteban, Mar , Brenda e Alberto.
Dezaoito soci@s, que comezaremos coa lectura do libro de Agustín Fernández Paz Noite de voraces sombras, autor querido entre nós e que acaba de ser galardonado co premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil.

O vindeiro martes 9 ás 12 horas teremos unha xuntanza na biblioteca para o grupo das mañás. Trataremos de cargar as enerxías, despois desta semana de exames para ler nas vacacións ampla e confortablemente a gusto.

Senón preguntádellelo aos rapaces do Club de lectura do IES RÍO CABE que acaban de ser entrevistados para a TVE.

Para ver o vídeo cliquea aquí.


miércoles, 19 de noviembre de 2008

Convocatoria do club a toda a comunidade educativa

O vindeiro martes 25 de novembro tod@s os que estedes interesados en participar no Club de lectura tendes unha cita na Biblioteca do centro ás 19:30h. Se...
  • Sabes ler,

  • Sabes falar,

  • Sabes escoitar,

  • Sabes opinar,

  • Es curios@,

  • Gústache compartir,

  • Coñecer outras persoas coas mesmas afeccións...

entón, cumples os requisitos. Engánchate!!

Se aínda non estás de todo convencido cliquea aquí e aquí tamén aquí...

Ademais este ano as lecturas xirarán en torno á guerra civil española e os anos de posguerra como homenaxe aos nosos antepasados. O ano 2009 celébrase o 70 aniversario do fin da Guerra e os profesor@s do Departamento de Ciencias Socias están a desenvolver todo un programa de actividades nas que se inclúe tamén este club temático.

Agardamos que o disfrutedes.

domingo, 16 de noviembre de 2008

The Jane Austen Book Club

A modo de invitación:


Coñecendo a Jane Austen narra, como indica o título orixinal, The Jane Austen Book Club, as vivencias dun grupo de xóvenes que deciden formar un club de lectura no que mes tras mes comentan unha obra da súa autora favorita, Jane Austen. Pretenden coñecela, sumerxirse na súa obra, descifrar os perendengues das súas historias, analizar os seus personaxes e as sensacións que lles transmiten...







Se che apetece ler en compañía coma eles e compartir as túas impresións entra no noso Club.

Poderás descubrir que a experiencia de ler enriquécese se a compartimos.



Visiona o trailer da película que pretende ser unha invitación para non rexeitar.